César Lorenzo Gil . Francisco Xavier Redondo Abal (Pontevedra, 1964) traballa como bibliotecario na Facultade de Filoloxía de Santiago. Preocupado desde hai anos pola memoria histórica, xunguiu dous dos seus intereses no ensaio 'O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil' (Laiovento).
É de caixón que un bibliotecario se interese polas bibliotecas. Con certeza, sempre tiven curiosidade pola historia das bibliotecas e cando quixen saber máis sobre a época da II República, encontreime con que había moi pouco investigado. Por iso me decidín a pescudar máis. Dese esforzo xorde este libro. Quero agradecerlles o seu apoio a Francisco Pillado e Sandra Vilaseco, editores de Laiovento. No seu libro conclúe que houbo tres tipos de bibliotecas en Galiza naquela época. Exacto. As autoridades republicanas quixeron crear unha rede de bibliotecas públicas. Tamén había bibliotecas organizadas por sindicatos e outras asociacións. E as que fundaron emigrantes retornados. Antes da República o Estado creara bibliotecas? Non. No 1931 iniciouse a primeira experiencia. O Ministerio de Instrución Pública buscaba, sobre todo, corrixir a taxa de analfabetismo, que era do 50%, e facilitar o acceso á cultura da poboación rural. As Misións Pedagóxicas levaban o ensino polos diferentes concellos e en moitos deles quedaba unha biblioteca. Que materiais había nesas bibliotecas? O goberno facía lotes idénticos para todas as bibliotecas públicas do Estado. 300, 500, 1.000 volumes. Buscábase crear desde cero unha base cultural, por iso hai libros de Ciencias, de Dereito, de Historia, de Literatura... Houbo difusión do libro galego? Naquela altura, a edición en galego era escasa. Sobre todo destacaban os selos de Ánxel Casal, Lar e Nós. Consultando a documentación republicana, comprobamos que había interese por ampliar esas coleccións atendendo á diversidade lingüística, pero tamén hai que ter en conta que no 1933 chega ao poder a dereita e ralentiza a expansión bibliotecaria. As bibliotecas sindicais tamén datan da República? Non. Desde finais do século XIX, os sindicatos, especialmente os socialistas e anarquistas, fan esforzos por espallar a cultura, non só entre os seus afiliados senón entre o conxunto dos obreiros. Os anarcosindicalistas tiveron moi claro, desde o principio, que a formación cultural era unha das súas bases reivindicativas e investiron moito tempo e diñeiro en mellorar as súas bibliotecas. Eran de acceso libre e contiñan volumes moi interesantes. No 1936, a meirande biblioteca de Galiza era sindical. Cal era a fin das dos emigrantes? Contra o tópico, non evitar que se emigrase senón que os galegos se preparasen intelectualmente para chegaren a América con estudos e así poder colocarse en mellores traballos. No seu libro conta como a represión fascista se asañou cos libros. Recorda as queimas, como n’Os libros arden mal, de Manuel Rivas. Seguindo a documentación, o que houbo en Galiza foi un plan, estrito e continuado, por aniquilar todos os avances culturais que trouxera a República. Houbo queima de libros, caso dos volumes da Biblioteca Germinal, que arderon no peirao da Coruña, como conta Rivas, pero sobre todo incautación e acocho de practicamente todas as bibliotecas. Quen decidiu a destrución? As autoridades franquistas puxéronse ás ordes da Igrexa Católica. Hai que pensar que o poder eclesiástico se sentiu ameazado cando a República acabou co monopolio do ensino relixioso. Até ese momento, a moral e a cultura en España eran patrimonio dos bispos e o novo Estado pretendía un modelo laico, no que a relixión non tiña influencia pública. Ese rancor concretouse na persecución de todo o que representaba ese cambio: moitos mestres foron asasinados e os libros eran condenados, por pornográficos. A paranoia foi tal que a República, de Platón, foi prohibido. Se parte da teoloxía cristiá bebe desa fonte!
Francisco X. Redondo Abal, investigador e bibliotecario.
Descargar Tarifas