O Funchal, na illa de Madeira, é un lugar óptimo e íntimo para encontrarse con tantas delicias que esas rochas volcánicas e ese xardín natural que no centro do océano Atlántico florece e se ergue con ímpeto. O escenario madeirense non pode ser mais sorprendente para obter beleza, reflexión e sabedoría. Nun dos recantos, encantos, en que se atopa o Jardim Tropical, nos altos cumes do Funchal, está o Museu Monte Palace da Fundação Berardo. Nese museo hai unha exposición temporal dedicada á escultura africana en pedra, titulada: “Paixão Africana”, na que a maioría das pezas expostas proceden de Cimbabue e pertencen á Colecção Berardo. Mais tamén están presentes outros escultores que fixeron escola noutras xeografías africanas e de diversas etnias.
Aí están presentes as famosas cabezas realizadas polo mozo e xa lendario escultor Apitoni Kanyenga. A presenza das escultoras de Tengenenge, o enorme traballo desas femias, as mellores entendedoras do universo africano, saben interpretar as espontaneidades da África profunda. Así o mostra esa enorme escultora, pertencente a esa colonia, como é Erina Fanizani, universalmente coñecida.
Tom Blomefield foi a figura clave en darlle pulo á arte Shona do Cimbabue, fundador da colonia Tengenenge en 1966, da que saíron sorprendentes escultores. Se na arte africana as esculturas de madeira eran as que predominaban sobre as de metal e pedra, agora son estas últimas as que teñen maior incidencia nos artistas de Tengenenge. Desta escola xurdiron outras tendencias que xa florecen en todo África.
En “Paixão Africana” están presentes tres escultores da Lusofonía, o angolano Fly Furay (1938), da etnia tshokwe, que ingresou en Tengenenge en 1967. Un autor celebrado en varios museos do mundo entre eles no Museo de Arte Moderno de Nova York. Furay é un autor nada acomodadizo a modismos e a conformarse co que ofrece a tradición africana. Procurou con firmeza a innovación estética da escultura, dándolle movemento no que se insinúa e mostra como articulación secundaria.
De Mozambique procede Luizi Purumero (1929-1983), ingresou en Tengenenge en 1967. Este escultor ofrece distintas modalidades dentro do que se representa nese mosaico creativo do colectivo Tengenenge. Digamos que en seus volumes pétreos manifesta gran pudor pola forma harmonizada, na que se intúe a súa destreza.
Barankinya Gosta (1935-1998) é outro escultor mozambicano que fixo escola na colonia Tengenenge, moi relacionado coas máscaras chewa das que difundiu tendencias. Son famosas as súas esculturas de pedra expostas no parque Chapungu. El traballou mais a madeira que a pedra. Mais nesta última materia realizou renomeadas exposicións como a que levou a París, ao Museo de Arte Moderno.
Descargar Tarifas