PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
A Nosa Terra reedita' Follas de Vagar'
O diario precursor de Eduardo Moreiras

Xan Carballa Publicado por primeira vez en 1972, Edicións A Nosa Terra vén de recuperara 'Follas de vagar', o diario literario escrito polo autor de Quiroga entre 1969 e 1970.

Reloxo 29.11.2009 | 09:19

Eduardo Moreiras visto por Laxeiro Eduardo Moreiras visto por Laxeiro

Coa textura da poesía e a instantaneidade do moderno blog, este diario de Eduardo Moreiras (Quiroga 1914-Vigo 1991) que agora redescobren os lectores do século XXI ten o pulso do poeta que sempre foi (primeiro en castelán e desde 1955 xa exclusivamente en galego) xunto co cosmopolitismo do autor culto que igual pasa das teorías da etoloxía de Konrad Lorenz ao principio de incertidumbre de Heisenberg, ou á fonda reivindicación do saber popular nas voces de Xosé de Roxío e nas historias de Lucinda, habitantes do Courel.
 
De Follas de Vagar non se falou apenas nos anos que viu primeiro a luz en Galaxia (1972). Cando morreu Moreiras en 1991, Nordés, a revista que codirixia coa súa segunda esposa, Luz Pozo Garza, realizou un número de homenaxe. Francisco Fernández del Riego eran quen se detiña nun breve párrafo a escolmar o libro: “foi anotando a xeito de xornal, vivencias, lembranzas, pensamentos que agromaron no seu espírito ao longo dunha ducia de meses. Nesas anotacións andou a entrelazar ideas e feitos relacionados coa Galicia interior, coa de beiramar e co mundo. Amosa a nosa realidade cultural e a realidade cultural europea”
 
O diario non é un xénero co que conte a nosa tradición literaria, e aínda que isto non sexa un valor por si só, engádelle curiosidade ao ensaio que fixo Moreiras, concentrado nun tempo en que a ditadura sabíase próxima ao seu final e agromaba con crecente forza un novo renacemento da lingua e a cultura do país.
 
A mesma colección Central Literaria que acolle agora a Moreiras, comezara a súa andaina cun trasunto semellante, o Anxos da Garda (2003) de Anxos Sumai. Pero aínda con trinta anos de diferencia e soportes tecnolóxicos dispares o diario ispe as preocupacións e os estados de ánimo dos autores, pero tamén, coa perspectiva dun ano disciplinadamente descrito día a día. No caso de Moreiras as conviccións dun escritor que sabéndose poeta, comprendía que algo estaba a romper, “nestes tempos de transición, nos que os xéneros literarios aparecen tan confusos e mesturados uns cos outros: poesía-relato, novela-memorias-fantásticas, conto-abstracción, etc., parece como se toda a literatura estivese metida nun forno cocendo formas de estilo aparelladas a un novo gosto que sente agromar”
 
Follas de vagar, que unifica nun mesmo texto o pensamento breve dun só día, coa recreación da anécdota transcendida en reflexión filosófica, a información literaria coa modernidade da escrita, é quen de xuntar na mesma páxina ideas de Steinbeck e Castelao ou a señardade do cine de Antonioni. Sempre co mesmo pulso na prosa que o definido por Méndez Ferrín cando fala da súa obra poética: “detrás dunha lectura de Moeiras sobrevén a incómoda presenza de algo que non se sabe e ao que está referido todo o seu texto: un máis alá, un oco valeiro, un absoluto que o poeta percibe e o impregna todo. E sempre á procura da verba xusta”.

Follas de vagar, folerpas dun diario

11 de decembro

Escribir é un axuste de contas voluntario e gratuíto, mais aínda así o escritor non ten liberdade. Vive, dende o berce, en garda e apreixoado.

Ou escríbese por vaidade, exhibicionismo, ou pola soidade radical do home na vida? Velaí a cuestión.

Escribir en galego, ademais de ser unha necesidade intrínseca, é unha “toma de posición” fronte aos que asoballan o noso pobo e queren destruír e comboutar a nosa cultura.

Escríbese por honestidade intelectual e moral.

1 de abril

Nunha das derradeiras cartas que o poeta [Luís Cernuda] me escribiu dende México, falábame das súas orixes galegas: “Vive usted muy cerca de Marín, de donde era mi abuelo paterno. Somos paisanos”. Velaí como este poeta, incluído polos críticos na escola andaluza de poesía (Juan Ramón, Alberti, Lorca), non ten nada e común con ela, sendo así como un fito solitario e inexplicábel pola tensión espiritual que domina a súa obra.

Para min a raíz galega de Cernuda é unha das chaves do coñecemento da súa poesía. Compréndese mellor a estirpe moral do poeta. Está o home enteiro alí. E a saudade –sede de inmortalidade, devezos de realizar a beleza da vida nesta vida– que foi para el unha constante fontela de inquedanza, lévano a evocar a aurora do mundo, cando os deuses durmían nas carballeiras, os deuses orgullosos da súa beleza, núos, puros.

24 de xuño

Hai un intre, Beatrice escribiu unha carta a Dante. Era un billetiño perfumado, e o recendo que traía queimáballe as maus. A carta rulou polo cosmos á velocidade da luz e voltou a Florencia, vía satélite. Nun instantiño pasou polo ceo de Vigo.
Beatrice dicía cunha voz moi doce, mentres suxeitaba un brinco na orella. “A clara imaxe que tiveches sempre da muller amada, son eu?”.

4 de xullo

“Os homes que teñen coraxe son sempre respectables” (Hemingway)

Atopo na revista Impact-Science editada este mes pola Unesco, unha interview que lle fixeron ao profesor Kastler [Alfred Kastler, premio nobel de Física en 1966].

O esencial das súas declaración é que na investigación científica hai sempre unha renuncia, de xeito que a cada achádego corresponde un fracaso que o científico ten que estar disposto a aceptar. O principio que domina a física cuántica, por exemplo, que é o “principio de indeterminación” de Heisenberg, parte do recoñecemento implícito dunha limitación: “é imposíbel medir simultaneamente os dous gradientes que determinan o estado instantáneo dunha partícula, ou sexa a súa posición e a súa velocidade”.

De aquí a humildade do sabio diante de cada nova adquisición da ciencia. A síntese do pensamento de Kastler vén resumida nesta afirmación: “o que os sabios achegan ao mundo é a súa obxectividade”.

6 de setembro

A mar lonxe, como un animal durmido nos xuncos da tormenta. No pick-up, o Requiem.

A dor de vivir hai que expresala plasticamente, ou non será nada. Mozart no Requiem chega a abranguer o cume da expresión pura do sufrimento humano. Ouvíndoo, un di: “Isto é xusto o que eu sinto, eiquí vivo, esta é a dor que racha o meu ser”.

21 de decembro

Xa sei que a vida é groseira e vulgar. E que todo o mal vén da idealización do “ego”, da ollada gasalleira e ignorante da propia valía.

Por iso, para clarexar un pouco o meu corazón feble e limalo como unha chaga co fío dunha laxe, fuxín estes días de suave invernía para a montaña. Alí sentado, en soidade na raxeira do sol, no lindeiro do bosque, ollei longamente a terra fermosa, pura, deitada en horizontes azuis. E deixei de sufrir.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río