Bocixa/ Raquel Rei . A artista Ana Pillado imaxinou as aventuras dunha nena chamada Lila Lilaina, 'unha Mafalda galega', unha cativa esperta e rebuldeira. ANT TV falou con ela.
Entrevista con Ana Pillado.
A pintora, ceramista e ilustradora Ana Pillado Vega (A Coruña, 1971) é de formación autodidacta. Licenciouse en Filoloxía Hispánica, e dedícase á arte: participou en exposicións colectivas e individuais en salas de Vigo e Lugo, e deseñou carteis para festivais ou ilustracións para revistas e outras publicacións. Ilustrou algúns libros da editorial Kalandraka, o libro de teatro Nocturnos (Laiovento), ou os libros de Baía Cancións de aquí e acolá e Melodías paisanas para dúo de frautas de bico en dó, de Paulino Pereiro. Os libros que Ana nos amosa son Azul e Rosa, que, con Carlota e o príncipe azul e Roi quere ser mamá, forma parte da colección "Lila Lilaina" de Edicións A Nosa Terra, contra os estereotipos sexistas cos que se clasifica aos cativos e cativas; e o libro de artista, a raíz dun seu poema, Fabula mater. Poema en 12 actos (tamén en Edicións A Nosa Terra, na súa colección de poesía), con doce ilustracións que tamén propoñen unha reflexión sobre os roles de xénero.
Descargar Tarifas