Redacción . A secretaria de Igualdade e Emigración do PSdeG, Laura Seara, critica que o PP aposte pola fusión dos centros galegos no exterior 'despois de anos dunha política de división e dispersión' e da 'creación de centros para que actuaran ao seu ditado, como é o caso do de Santa Comba, Val Miñor ou Fillos de Ourense'. Ademais, censura que a Xunta desprace 200 persoas ao Uruguai para o Pleno do Consello da Emigración que se vai celebrar o 7 e 8 de decembro.
A deputada socialista critica que o PP, durante os anos do seu goberno, “deixou caer o patrimonio dos centros máis emblemáticos, como o Avellaneda ou o Centro Galego en Buenos Aires, de triste actualidade”. Do mesmo xeito, lembra que o PP “animou durante anos a creación de centros satélite do seu partido”. Por esta razón, a secretaria de Emigración do PSdeG sinala que o seu partido apoiará “o que decidan os Centros, pero sen imposicións, que é xusto o contrario do que fai o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba”. Seara propón “menos caciqueo” coas axudas aos centros e avoga pola súa “racionalización”, mediante o fomento da colaboración entre eles, coordinación e especialización dos mesmos –centros culturais, asistenciais, sanitarios, entre outros-.
A deputada do PSdeG Laura Seara.
A secretaria de Emigración do PSdeG sinala que a fusión dos centros “debe ser unha decisión dos propios centros, a través dos seus socios, e non do señor Camba” e critica “a volta ás cacicadas” na emigración “cun gran cacique á fronte, o señor Camba, que entrou na emigración como un elefante nunha cacharrería”.
Do mesmo xeito, a deputada socialista destaca que o PP “só cre na democracia cando os votos son para eles, pero cando se cuestiona o seu traballo, como é o caso do Centro Galego de Buenos Aires, tenta dividilos”.
Por esta razón, critica especialmente as “cacicadas” do PP na emigración e a “imposición dos seus criterios” que están a levar a cabo nos centros galegos “mediante ameazas e coaccións”.
“Cada centro galego no mundo é unha porta de entrada a Galiza”, subliña Seara, e censura que “o Goberno de Feixóo está a amosar moi pouco respecto pola autonomía e o traballo destes centros, que ademais ataca cando non pensan como eles”.
Por outra banda, Laura Seara rexeita a “falsa austeridade que predica o señor Feixóo” xa que ao Pleno do Consello de Comunidades Galegas no Exterior que se celebra en Montevideo, no Hotel Radison da cidade, o Executivo desprazará máis de 200 persoas, con cargo aos orzamentos da Xunta. A reunión será o 7 e 8 de decembro.
Descargar Tarifas