PUBLICIDADE
Xoves, 11 de marzo de 2010
Próximo pleno no Uruguai
O Consello da Emigración pide o voto en urna

Europa Press As comunidades galegas no exterior van reivindicar ante o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, que se deixe de cuestionar 'de inmediato' a participación dos emigrantes nos procesos electorais para o que consideran 'fundamental' o voto en urna. Será no vindeiro Pleno do Consello que se celebrará no Uruguai o 7 e 8 de decembro.

Reloxo 30.11.2009 | 17:37

O secretario xeral de Emigración cos participantes do programa 'Volver á terra' O secretario xeral de Emigración cos participantes do programa 'Volver á terra'. Jessica Barcala/AGN

Así o certifica un dos catro relatorios elaborados por expertos e membros dos centros galegos que se debaterán na reunión do IX Pleno do Consello de Comunidades Galegas. Este evento celebrarase en Montevideo (o Uruguai) os próximos 7 e 8 de decembro e contará coa presenza do presidente galego, dentro da viaxe que o levará a partir do mércores tamén a Salvador de Baía e Buenos Aires.

O texto, que diserta sobre o concepto de 'galeguidade', defende rematar coa polémica sobre o dereito a voto dos emigrantes nos distintos procesos electorais e considera que isto só se pode lograr con "transparencia", é dicir, garantindo que o sufraxio se someta fóra "a iguais recaudos e garantías" que o que se emite no territorio.

"A festa da democracia ten que ser a festividade de todos e depositar o voto, de forma persoal, na urna de votación é a expresión máxima dos nosos dereitos políticos", recolle o relatorio, no que se pide tamén a "revisión e depuración" do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA).

O documento, preparado para o debate, subliña que a democracia nace "contando os electores" e garantindo que cada voto "é igual a outro", polo que considera a "depuración" do CERA unha "obriga de carácter prioritario" para o Estado español. "Só exerceremos libre e conscientemente o noso voto cando teñamos a seguridade do seu verdadeiro valor: un elector, un voto", conclúe.

Investimento asistencial

Outro dos relatorios a debate no IX Pleno do Consello versa sobre as políticas socio-asistenciais da emigración, a súa evolución ao longo dos anos e a lexislación que as regula, pero tamén analiza dende unha posición crítica a postura do Goberno central con respecto á prestación destes servizos.

Neste sentido, destaca que dende a aprobación da lei de recoñecemento da galeguidade -no 1983-, as diferentes accións da Xunta no campo asistencial para a emigración financiáronse "con fondos propios" e sen recibir "ningún tipo de recursos" do Goberno central, a excepción de achegas de "entre 60.000 e 90.000 euros" que "nalgúns anos" destinou o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, a través dun convenio asinado para apoiar os programas de viaxes de maiores a Galiza.

Segundo destaca, estas achegas representaron, no seu momento, "só un 0,86 por cento" do presuposto total anual destinado pola Xunta á emigración. De feito, precisa que o Goberno galego destinou entre 1984 e 1989 un total de 5,2 millóns para a execución dos programas e accións para os emigrantes galegos e as súas comunidades.

Entre 1990 e 2004, o importe total do investimento foi de 64,2 millóns de euros, mentres que, entre 2005 e 2009, só no capítulo para financiar programas socio-asistenciais dirixidos aos galegos maiores no exterior, a Xunta investiu máis de 12 millóns de euros.

'Actualizar' programas

Ademais da "débeda histórica" do Estado con Galiza en materia de emigración, o relatorio abre a porta a debater sobre a necesidade de "actualizar ou readaptar" os programas da Xunta. "Deben realizarse cambios no programa de axudas económicas de carácter individual? Pode manterse como colectivo de posíbeis beneficiarios -nalgún país- os galegos e descendentes con nacionalidade española sen limitar o seu grao de ascendencia?", pregúntase.

Ao fío desta cuestión, o texto resalta o elevado incremento deste tipo de solicitudes nos últimos anos e do seu orzamento -de 1,3 millóns de euros (no 2007) a 2,3 millóns (no 2009)- e agrega que, con estas cifras, "non parece que poida manterse" un esforzo que -insiste- "debería compartir o propio Estado".

Así, formula a posibilidade de reclamarlle á Administración do Estado "un impulso real e efectivo" da política de axudas e subvencións para o mantemento dos diversos servizos que prestan os centros e comunidades á colectividade española no exterior. Tamén propón debater sobre posíbeis cambios nos programas de reencontros familiares e de estanza temporal en Galiza.

O terceiro dos relatorios trata sobre o futuro da muller e dos mozos na diáspora, avogando por "estreitar os lazos" entre os mozos que viven no exterior e os que residen na comunidade a través do fomento de accións conxuntas. Por último, o cuarto relatorio afonda na necesidade de apostar pola innovación tecnolóxica para "facilitar" a relación das distintas colectividades coa Administración galega.

Órgano de representación

O Pleno do Consello de Comunidades Galegas constitúe o máximo órgano de representación das comunidades galegas asentadas no exterior. O último encontro do Consello produciuse en agosto do 2006 en Santiago de Compostela.

O primeiro plenario celebrouse en xullo do1985 tamén na capital galega e, dende entón, este órgano reúnese cunha periodicidade de tres anos. As súas sesións contan coa participación de todas as entidades no exterior que teñen recoñecida a súa galeguidade e os representantes das institucións autonómicas previstos na Lei da Galeguidade.

Dende a súa creación, este órgano desempeña funcións consultivas e de asesoramento de Galiza para a súa acción exterior e está chamado, como explica o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, na web de presentación do IX Pleno, a abrir "novos espazos de colaboración e responsabilidade que revertan na obra da emigración".
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río