PUBLICIDADE
Martes, 16 de marzo de 2010
O PSOE de Vigo, contra a alianza con Caixa Galicia
Caballero: 'Caixanova sofre acoso a favor da fusión'

Europa Press Os tres grupos municipais da Corporación de Vigo aprobaron hoxe por unanimidade demandar que os centros de decisión de Caixanova e Caixa Galicia permanezan no país, así como manifestar a necesidade de aprobar unha nova Lei de Caixas. No entanto, discreparon sobre as alternativas de futuro, xa que mentres o PSdeG rexeitou a integración das dúas entidades financeiras galegas, o PP advertiu de que as caixas, a nivel individual, 'non teñen futuro' e o BNG apostou por unha 'alianza estratéxica' entre ambas.

Reloxo 30.11.2009 | 14:02

Pleno no concello de Vigo Pleno no concello de Vigo. Sonia Daponte/AGN Na sesión plenaria de hoxe debatéronse conxuntamente dúas propostas sobre as caixas de aforros, unha delas defendida polos socialistas, onde se instaba a Xunta a que "non obstaculice" e permita a Caixanova desenvolver o seu proxecto empresarial "autónomo, estábel, solvente e eficiente", así como o mantemento da súa identidade como institución financeira, coa súa sede en Vigo e co seu nome actual. A iniciativa non saíu adiante ao absterse o BNG e votar en contra o PP.

En canto á moción do grupo nacionalista, tras unha emenda presentada polo seu portavoz, Santiago Domínguez Olveira, aprobouse por unanimidade pedir que os centros de decisión das dúas caixas permanezan en Galiza, así como manifestar a necesidade de aprobar unha nova Lei de Caixas de aforro. Esta proposta, igual á aprobada polos tres partidos no Parlamento, recibiu o apoio unánime dos grupos municipais de PSOE, BNG e PP.

“Acoso a Caixanova”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen interveu como portavoz do grupo socialista, asegurou que Caixanova ten un proxecto "solvente" e "capaz de seguir aguantando a crise" e, segundo engadiu, sen ter necesidade de acudir ao FROB. Con todo, denunciou que a Xunta "está acosando" o proxecto da caixa viguesa e acusou o presidente autonómico, Alberte Núñez Feixóo, de exercer "enormes presións" a favor dunha fusión con Caixa Galicia.

A xuízo do socialista, esta fusión sería unha "absorción" a Caixanova por parte de Caixa Galicia e, ademais, a entidade resultante estaría nunha situación "débil". Así, o alcalde vigués afirmou que o Executivo galego está "defendendo intereses localistas doutras cidades" ao querer "resolver un problema do norte de Galiza co traballo do sur".

Caballero defendeu a posibilidade de Sistemas Institucionais de Protección (SIP), sempre que Caixanova manteña o "liderado" e a súa sede na cidade olívica. Así, augurou que "non haberá fusión" das caixas galegas xa que, segundo recordou, o Consello de Administración de Caixanova ratificou o pasado xoves no seu rexeitamento a esta vía.

Finalmente, destacou que defender o plan de Caixanova é defender un proxecto "serio" para Vigo e, xa que logo, tamén para Galiza, e criticou que a presidenta do PP local, Corina Porro, opte por "permanecer calada" neste tema.

O BNG propón unha alianza estratéxica
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Santiago Domíguez, destacou que, na situación económica actual, "o prioritario é manter a galeguidade" das caixas e asegurou ter "cada vez máis claro" que a solución será "unha alianza estratéxica" entre as dúas, de forma que poidan fortalecerse e non se convertan nunha "moeda de cambio de PP ou PSOE". Así, discrepou da postura do PSOE, xa que, ao seu xuízo, "conservar o nome" non significa manter o poder de decisión e incidiu en que "apoiar a Vigo e Caixanova é apoiar que o poder de decisión estea en Galiza e, xa que logo, en Vigo tamén".

Domínguez Olveira remitiuse ás palabras do director xeral de Caixanova, Xosé Luís Pego, quen afirmou ante os seus empregados: "non podemos seguir sós" e que a entidade "traballa nun SIP". A xuízo do nacionalista, "o debate" non está en se as caixas manteñen nas súas respectivas cidades ou se se fusionan ou non, senón en que "sigan co seu poder de decisión en Galiza".

Varias posibilidades

Así, explicou que á hora de buscar alianzas, ábrense varias posibilidades, xa que a fusión "pódese dar", pero puntualizou: "coidado que é distinto fusión que absorción". Neste sentido, incidiu en que, se se aproba a integración das caixas galegas, "pódese garantir perfectamente que as dúas manteñan o seu armazón e a capacidade de decisión" en Vigo e A Coruña.

No caso dun SIP entre as dúas caixas, destacou que tamén se mantería o poder de decisión no país, aínda que incidiu en que até podería haber alianzas con outras entidades foráneas "sempre que se garanta a galeguidade". Así, destacou que se o centro de decisión non queda no país, "nin Caixanova poderá decidir, nin Vigo poderá ter un desenvolvemento económico adecuado á primeira cidade de Galiza".

Finalmente, o nacionalista xulgou que se chegou á actual situación pola "absoluta indefinición" da Xunta sobre o futuro das dúas entidades financeiras e acusouna de esperar a ver que pasaba con Caja Madrid. Por iso, defendeu a necesidade dunha nova lei de caixas.
O PP detecta “localismo trasnoitado”
Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do PP, Xosé Manuel Figueroa, defendeu a necesidade de contar con "unha caixa forte para Galiza e Vigo e para que non veñan outros tomar decisións". Segundo destacou, as caixas, a nivel individual, "non teñen futuro", polo que é necesario "defender a súa galeguidade e solvencia".

O 'popular' acusou o alcalde de caer nun "localismo trasnoitado" e un discurso "demagóxico", así como de importarlle "tres narices" as caixas. Así, considerou que mantén a súa posición "co obxectivo político de atacar" a Corina Porro, un comportamento que considerou propio do "político perdedor" que "desvía a atención atacando o adversario".

Tamén acusou os socialistas de "manipular" o Banco de España xunto ao ministro de Fomento, Xosé Blanco, para que "tomen decisións en contra de Galiza", á vez que considerou que "algúns dirixentes de caixas terán que explicar a súa posición", xa que "non se pode pór en cuestión a estrutura financeira de Galiza por personalismos".

Pola súa banda, Caballero acusou o PP de "ameazar" dirixentes de caixas e replicou, ademais, que "o alcalde non está só", senón que "ten detrás a toda a cidade" cando reivindica que Caixanova manteña o seu nome e permaneza na urbe.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río