Charina Giráldez . O Diari de Girona é un dos doce xornais cataláns que o pasado 26 de novembro saíron á rúa cun editorial conxunto de apoio ao Estatut. A iniciativa, sen precedentes na historia da prensa do país, superou con creces todas as expectativas, ao xerar unha cascada de reaccións que aínda copan hoxe as portadas dos principais medios do Estado.
Cando Jordi Xargayó recibiu a proposta de editorial ‘A dignidade de Catalunya’ non dubidou en asumir o seu contido. Como director do Diari de Girona, do grupo Prensa Ibérica (ao que tamén pertencen o Faro de Vigo e La Opinión A Coruña), consideraba necesario pedir respecto a un texto avalado por dúas Cámaras lexislativas e un referendo. A idea partiu dos directores de El Periódico de Catalunya e La Vanguardia que, cos seus equipos de editorialistas, foron xestando un primeiro borrador asumíbel para todos. A continuación, sumouse o resto da prensa diaria catalá (Avui, El Punt, Segre, Diari de Tarragona, La Mañana, Diari de Girona, Regió 7, El Nou 9, Diari de Sabadell e Diari de Terrassa) nunha iniciativa insólita que sabían ía ter repercusión pero, segundo Xargayó, probabelmente ninguén chegou a calibrar de antemán o seu impacto. Por que consideraban necesario un golpe de efecto destas características? O golpe de efecto vímolo despois; non sabiamos a repercusión que ía ter. Dende logo as expectativas cumpríronse con creces. Pero en todo caso, era necesario. Primeiro, porque se trata dun texto marco do goberno de Catalunya e, segundo, porque levamos seis anos co tema do Estatut: dende que comezou a xestarse no Parlamento catalán, logo cando pasou ás Cortes, despois co referendo e agora leva tres anos paralizado polo Tribunal Constitucional (TC). Non pode estar a sociedade permanentemente pendente dun asunto crucial coma este. O que se pide é que o TC decida e sancione, tendo a sensibilidade suficiente para interpretar o que é este texto. Por iso nos puxemos de acordo en dar esta opinión. Formulouse como unha iniciativa illada ou terá algún tipo de continuidade? Penso que sería contraproducente. Cada xornal ten a súa liña, a súa opinión, os seus lectores. Tampouco creo que teña que haber unha uniformidade. Isto é un feito concreto, sobre un tema concreto, importante, e por iso nos puxemos de acordo, sen máis problema. Pero a partir de aquí cada un ten que facer a súa vida e todos somos xornais distintos e de empresas distintas. Eu non creo que fora beneficioso para os lectores que todos os xornais mantivésemos a mesma liña. Tampouco no editorial se entra no fondo do Estatut. O espírito, que comparto plenamente, é que se trata dun texto aprobado por dúas cámaras lexislativas, o Parlamento de Catalunya e o español, e ratificado en referendo, independentemente de que esteas máis ou menos de acordo co contido. Por iso entendemos que o TC, máis politizado que xurídico, debería respectar un texto emanado da cidadanía a través dos seus representantes. E… home, que catro señores poidan decidir por esta amplísima maioría parécenos un pouco chocante, sobre todo cando non afecta a dereitos fundamentais das persoas. Estamos falando dun Estatut, de relacións políticas entre unha comunidade autónoma e o Estado, pactado nas cámaras en nun referendo. Ese é o espírito: respectemos unha democracia amplísima de parlamentos e cidadáns expresada nas urnas. O bombardeo de valoracións non se fixo agardar. Que balance fai das reaccións? Sorprendentes no son e proceden do mesmo sitio de sempre. Mireinas máis viscerais que produto dun razoamento. A min sorprendeume moito, por exemplo, o editorial do día despois de El Mundo. Recoñecendo que Pedro J é unha persoa intelixente e cunha gran capacidade, que diga que hai que respectar a dignidade de 2,7 millóns de cataláns que no 1978 votaron a Constitución… Primeiro, pódese estar a favor da Constitución e do Estatut, non son incompatíbeis. Segundo, por desgraza deses 2,7 millóns haberá uns cantos que xa morreron e hai moitísimos outros centos de miles que se incorporaron como electores. Paréceme unha comparación tan simple e tan débil que si este é o argumento, poucos teñen. En todo texto podemos atopar argumentos a favor e en contra, pero claro, se hai esta debilidade de razoamento, pouco teñen que rebater. Eu agardaba con expectación o editorial de Pedro J, pero a verdade é que me decepcionou. Detecta entón carencia de fundamento nas críticas. A cuestión é que podes estar en contra do Estatut, pero con argumentos traballados. Agora, tamén tes que respectar a vontade da maioría e non querer impoñer unhas determinadas teses. Paréceme moi ben que nalgunhas partes de España teñan esa concepción do Estado pero resulta que en Catalunya e outros sitios hai unha parte significativa de xente que ten outro xeito de entender o Estado e as Comunidades Autónomas. Eu, por exemplo, non tería feito o Estatut, e visto o resultado, non sei si valería a pena todo este desastre. Digamos que o problema fundamental que tiña Catalunya era o financiamento e iso se podería resolver sen necesidade de Estatut, pero aprobouse e hai unha maioría que o quere, hai que respectalo, son as regras do xogo democrático. Moitos acusáronlles de tentar “presionar” o Tribunal Constitucional. Non sei se a palabra é exacta. Calquera persoa cunha plataforma pública, sexa un político, xornalista, calquera cidadán que ten unha canle para expresarse, cando expresa algo sempre quere influír no no receptor da mensaxe. Isto é evidente. Todos queremos influír. Eu entendo que non é presionar, pero todos queremos convencer o outro de que a nosa idea é a mellor. Isto pasa en calquera orde da vida, incluso no ámbito familiar. A min sorpréndeme algúns argumentos, pero vostedes de onde saen? Cando lanzas opinións o que interesa é iso, e se pode ser con argumentos mellor, porque nalgúns editoriais de El Mundo, La Razón ou mesmo El País, topei poucos. Hai máis vísceras que razón. El País tamén falaba de “estratexia política dende a prensa”. Non exactamente. A cuestión é que o TC se dea conta de que non só é un xogo dos políticos, que hai outras partes da sociedade implicadas, ademais dos medios de comunicación, porque tamén recibimos apoio doutros sectores: organizacións de empresarios, económicas, sindicatos, etc. Non é un capricho de dous políticos que non saben con que entreterse. Hai unha parte importante da sociedade catalá que di: “por favor, tómense isto en serio e saiban o que supón este Estatut para Catalunya”. Trátase de lanzar esta mensaxe e cando lanzas unha mensaxe sempre intentas influír ou convencer. O TC fará o que considere oportuno, pero deben ser conscientes e coñecer o que se pensa sobre todo no territorio onde ten incidencia. Salvo un que é catalán, o resto non vive aquí, e o máis probábel é que reciba a información distorsionada ou inexacta. Que todos os xornais con edición diaria do país lanzáramos esta mensaxe, cando menos é para pensar, ler, reflexionar e interesarse polo que se pensa aquí.
Jordi Xargayó, director do 'Diari de Girona'.
Cales considera que serán as consecuencias deste Editorial unha vez pase o ruído inicial?
Non o sei. O que me gustaría primeiro é que o TC pechara dunha vez o tema e, por outra banda, que se respectara a opinión consensuada en dúas cámaras lexislativas e en referendo. Non debería corresponderlle ao Constitucional corrixir unha lei orgánica deste nivel, salvo que afectase dereitos fundamentais das persoas. Non pode funcionar como unha cuarta cámara, extensión do que o PP non puido conseguir no Parlamento de Catalunya e no Español. Que a derrota política popular a compense un tribunal, máis político que xurídico, non me parece cento por cento democrático.
Este texto ten moito máis soporte democrático que o que poidan decidir uns maxistrados, moitos deles co período do seu cargo finalizado, outro que recusaron dun xeito un pouco torticeiro. Ao final son uns señores elixidos e propostos polos dous partidos maioritarios de España. O que eu querería persoalmente é iso: que se pechase o tema e se respectase a vontade soberana.
Se o TC emite un ditame en contra, poderían poñerse en marcha iniciativas similares?
Isto é predicir o futuro. A nivel prensa non se adiantou nada máis. Tampouco sei cal sería a reacción cidadá, seguramente máis indiferente da que poidamos ter os políticos, xornalistas ou as organizacións empresariais e económicas. O cidadán ten outros problemas máis importantes nestes momentos, como para pensar nun texto lexislativo que ve como algo abstracto. Falo do cidadán común, non do que está metido en círculos políticos. A reacción eu creo que sería máis política. Esperemos a ver cal é a resolución do TC.
Descargar Tarifas