PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Da Axencia para as Linguas Minorizadas
Críticas na UE á política contra o galego da Xunta

Europa Press O Comité do Estado español do EBLUL (European Bureau for Lesser-Ussed Lenguages–Axencia Europea para as Linguas Minorizadas) aprobou nunha reunión en Barcelona dirixirse á Xunta para que 'poña fin ás iniciativas que tomou nos últimos meses en contra do idioma galego'. De non ser así, denunciará a situación no eido internacional.

Reloxo 27.11.2009 | 13:43
TAGS: Mesa , Europa , galego ,

Fotografía da manifestación do 18 de outubro Fotografía da manifestación do 18 de outubro. Paco Vilabarros

O EBLUL, promovido polo Parlamento europeo e que ten o rango de entidade consultiva desta institución, do Consello de Europa e da ONU, considera “de especial gravidade” que o Goberno galego non estea a ter en conta o último ditame do Comité de Expertos do Consello de Europa sobre a situación lingüística de Galiza, emitido a finais do ano pasado.

O organismo lembra que a Xunta non só non tomou as medidas recomendadas para mellorar a protección dos dereitos da comunidade lingüística galega, senón que se desmantelaron proxectos que foran eloxiados e considerados exemplares polo Consello de Europa, como as Galescolas.

A resolución do Comité de Estado do EBLUL foi aprobada por unanimidade, a instancias da Mesa pola Normalización Lingüística. O representante galego, Carlos Callón, amósase “moi satisfeito” pola aprobación da resolución: “O ditame do EBLUL vénse unir a chamadas no mesmo sentido por parte da Real Academia Galega ou do Consello da Cultura Galega, alén do clamor manifestado en diferentes ocasións pola maioría da sociedade e das comunidades educativas”. “Sería bo para todas e todos que o presidente da Xunta escoitase”, conclúe o presidente da Mesa.

Texto da resolución do EBLUL

O Comité do Estado español do EBLUL (European Bureau for Lesser Ussed Lenguages–Axencia Europea das Linguas Minorizadas), reunido en Barcelona o 26 de novembro de 2009, ACORDA dirixirse á Xunta de Galiza para lle trasladar as seguintes solicitudes:

-Animamos o Goberno galego a que desenvolva unha política lingüística de promoción e extensión social da lingua propia de Galiza, pondo fin ás iniciativas que tomou nos últimos meses en contra do idioma galego nos diferentes ámbitos.

-Informamos á Xunta de Galiza de que as medidas adoptadas contra a lingua galega desde o pasado mes de abril supoñen unha vulneración de tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos subscritos polo Estado español, como o Pacto internacional de dereitos civís e políticos ou a Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias.

Neste sentido, resulta de especial gravidade que o Goberno galego non tivese en conta o último informe que o Comité de Expertos do Consello de Europa emitiu hai apenas uns meses sobre a situación lingüística de Galiza. Non é só que non se puxese en marcha ningunha das medidas recomendadas para dar cumprimento á Carta europea, senón que se desmantelaron algúns dos proxectos máis aplaudidos polo Consello de Europa, como as Galescolas, que era a única rede de ensino infantil que contemplaba con normalidade o uso do galego en cancións e xogos.

-Se a Xunta continuar coa súa política de desprotección dos dereitos da comunidade lingüística galega e de incumprimento dos tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos, desde o Comité de Estado do EBLUL trasladaremos esta situación aos diferentes foros internacionais en que se encontra presente.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río