Redacción . O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, considerou 'positivo' e 'cordial' o documento impulsado polo Consello da Cultura Galega (CCG), en que pide ao Executivo que trace un calendario de aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) e avanzou que o seu departamento pronunciarase publicamente sobre o contido 'pronto'.
En declaracións aos medios, Anxo Lorenzo referiuse á proposta institucional feita polo CCG a semana pasada, na que insta á Cámara galega a crear unha Comisión Parlamentaria para buscar un desenvolvemento pautado e consencuado do PXNL entre as forzas políticas. “Dende o Goberno o que facemos é atender ese memorando, ese documento e evidentemente veremos que se pode facer en próximos días”, sinalou o secretario de Política Lingüística tras recoñecer que a función do CCG é “asesorar aos poderes públicos sobre todo o que teña que ver coa lingua e a cultura galega”. Lorenzo aclarou que a Xunta busca, dende o comezo da lexislatura, o “maior consenso posíbel arredor do idioma”, ademais de exercer, “o desenvolvemento pautado, con diferentes ritmos e diferentes prioridades, do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega”. O secretario xeral insistiu en que a Xunta vai estudar o documento do CCG e que “fará un pronunciamento público para valorar o seu contido”.
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística.
O decreto en decembro
Por outra banda, o responsábel de Política Lingüística reiterou que o borrador do novo decreto do galego, que substituirá ao vixente 124/2007, estará presentado “antes de que termine decembro”.
Descargar Tarifas