No medio da ría o náufrago padece con angustia a falla de forzas e o frío da auga. Soidade ante un triste destino. Impotencia ante a extensión ameazante do mar. Nun supremo esforzo, o náufrago ve pola súa esquerda unha fermosa cabaza. O vento empurra o espontáneo salvavidas cara o nadador exhausto. Aférrase á cabaza. Está salvado.
Así lle acontece ao PP coa proposta de Lei de Caixas sometida o 24 de novembro ao pleno do parlamento. A iniciativa do BNG transfórmase en salvavidas político do Goberno que padecía a soidade no parlamento, a oposición institucional do empresariado do sur e a presión crecente da dirección nacional, do Banco de España e dun sector da prensa.
Para ser críbel a preocupación do PP pola galeguidade das caixas e a permanencia dos centros de decisión no ámbito territorial da Comunidade, o PP precisaba dun compoñente político caracterizado polo seu nacionalismo orixinario. Nin tan sequera o apoio do PSOE ten tanto valor positivo de oportunidade. O apoio dos socialistas denunciaría ás claras a existencia dun pacto certo na política de reestruturación do Sistema Financeiro Estatal con clara vantaxe a favor da Banca e unha concentración moi estudada das Caixas de Aforro conducente a un reforzamento centralista destas institucións en beneficio da estratexia de Caixa Madrid.
Está dentro da lóxica política que o grupo parlamentario do PP se apresurase a votar favorabelmente a proposición de Reforma da Lei de Caixas proposta polo BNG. Canto máis altas sexan as demandas de presenza política institucional no/nos Consellos de Administración das Caixas, máis eficaz e a coacción do Presidente no debate actual, e, menor é o prezo político do previsíbel custo de execución da operación “fusión a calquera prezo”.
O Goberno xa non está só, ten un compañeiro de viaxe, que, dun único golpe resolve a conta pendente desde o Bipartito, onde inicialmente se presentara a iniciativa, rexeitada enerxicamente polo presidente Touriño, e pola outra banda recupera un protagonismo político do que estaba moi necesitado.
A medida ten de rebote dúas consecuencias para os socialistas. A primeira, positiva, porque recuperan a súa capacidade de acción incondicionada –excepción feita dos compromisos adquiridos pola presenza do presidente da Deputación coruñesa no Consello de Administración de Caixa Galicia. A segunda é a de poñerlle prezo político á súa aprobación do texto que acorden PP e BNG. Esta, coa evidente dificultade de xustificar a posición que adopte. Seguidista se carece de alternativa orixinal e sospeitosa se beneficia o status político preeminente que hoxe ten o Partido socialista na Caixa coruñesa.
En calquera caso, o náufrago amarrado ao cabazo aínda pode esperar a ser rescatado pola lancha da Cruz Vermella.
Descargar Tarifas