Foi famoso o caso de Jesús Neira, que estivo en coma tras a brutal agresión dun maltratador, por defender a muller golpeada. Agora, no xuízo, a vítima nega ter sido agredida. Que inxusto que a vítima defenda o seu agresor! Favorece os argumentos machistas: que a muller sofre porque merece sufrir, que o tolera, que lle vai a marcha. Pero este devandito “consentimento” da muller é suposto e xulgado por quen non coñece a opresión nin sabe o que é vivir dominada. O opresor e a oprimida non teñen conciencias idénticas. Nas condicións de vida das mulleres ten un papel fundamental o medo, a seren violadas, golpeadas, asasinadas. Non é necesario que todas o padezan para estaren seguras da presenza da violencia xeral contra elas, para que o medo se lles quede fixado na conciencia desde a infancia. As que non foron golpeadas polos maridos saben que “hai que sabelos levar”, que non convén irritalos e cómpre gabalos para que estean contentos. Tampouco saen soas a determinados lugares e horas, evitan situacións de perigo. Teñen interiorizada a dependencia, a marxinalidade, a ausencia de poder. Dos dous integrantes do poder, a forza máis decisiva non é a violencia dos dominantes senón a aceptación d@s dominad@s, unha presión coma un buraco fundido na conciencia. Desempeñar un poder xenérico, ou unha submisión xenérica non produce o mesmo estar no mundo. Para poder xulgar a maltratada que defende o seu maltratador cumpriría estar na conciencia desa suxeita de dominación que aspira a negar a propia opresión. Por doloroso que sexa recoñecelo, tamén para as feministas.