
Seica Alberte Núñez Feixóo carece aínda da información precisa para formular unha proposta para as caixas. Seica o que cómpre é prudencia e agardar ao que digan os actuais dirixentes das caixas. Seica o que os galegos temos que facer, que diría Rosa Díez, é iso: actuarmos como galegos. Nin si nin non. Sempre á espera do que dispoñan os de fóra. Semella que o fracaso do financiamento autonómico non lle serveu de escarmento.
E o PSOE anda nas mesmas. Vén de propor que os tres grupos do Parlamento nos xuntemos para elaborar, demoradamente, unha proposta de reforma da actual lei de caixas. A présa coa que actuou o goberno español ao aprobar o FROB por decreto lei seica non serve para nós. Que apuren os demais, nós con calma.
E o caso é que, máis outra vez, Galiza pode chegar tarde. Porque o escenario móvese, porque a prudencia que algúns nos queren impor non é a que eles practican (véxanse se non as declaracións do gobernador do Banco de España ao Financial Times e a clara opción do PP español pola fusión entre caixas de diferentes comunidades autónomas) e porque, en fin, as cautelas de Feixóo non son senón un xeito, trapalleiro, de gañar tempo para presentar como inevitábel aquilo polo que sempre el, fiel escudeiro de Mariano Raxoi, sempre tivo na cabeza: que as caixas galegas sexan absorbidas por esa nova Cajamadrid de Rato sobre a que o PP quere edificar un grupo financeiro afín.
Por iso o BNG non agarda por ninguén e traballa a prol de que as caixas galegas o sigan a ser: caixas, non bancos, e galegas, é dicir, radicadas no país e comprometidas co seu desenvolvemento económico, social e cultural.
Descargar Tarifas