As miñas avoas, que non coñeceron o aburrimento, nunca souberon que cousa era entreter. Non ganchillaban nin xogaban á brisca para se entreteren, nin chegaban tarde á misa porque se entretiveran parolando cunha veciña. As miñas avoas non tiñan tempo para perder nin piedade cos que facían por enredar, que é como lle chamaban a consumir en andrómenas o tempo que cómpre para asuntos máis importantes. Eran mulleres clarividentes e dunha sinceridade brutal, que lle chamaban polo seu nome a cada choia e a cada aquel. E por iso, cada vez que escoito a palabra entreter en certos contextos pásolle o algodón das avoas despois de levar a man á faltriqueira. É unha inocente medida de protección, non sexa que pretendan facerme enredar aproveitando a manobra de distracción.
Non me malinterpreten, teño en alta estima o lecer, a folganza e a nugalla. As sestas e os bailes. O frívolo e o curriño. Gústanme os enredos, pero non pretendo computalos como horas traballadas. O entretemento, que antes era unha profesión seria, soporta un enorme intrusismo. Por exemplo, o dos xornalistas que antes de teclear, radiar ou televisar deben pasar os feitos polo funil do “entretido”, o censor máis implacable e eficaz. O que non admite a peneira vai para o caldeiro dos porcos. A realidade, sexa o que for, teima en ser máis larga, máis longa e máis complexa ca os vídeos de primeira, pero informados e educados hai que vir da casa. E acabo xa, non por non enredalas; non quero que se aburran.
Descargar Tarifas