
“Nin está nin se lle espera”. Esta atinada frase, saída do fío telefónico da Zarzuela a noite do 23-F, explica por si soa o desenlace daquela tolemia e, por desgraza, está a piques de se converter tamén na mellor explicación ao papel do Presidente da Xunta na posíbel fusión, ou non, das caixas galegas. Feixóo non está, pero si que se lle espera: por agora...
Algúns opinadores públicos diagnosticaron xa as dúbidas do presidente como un episodio, non sabemos se temporal ou crónico, de “raxoización de Feixóo”. Raxoi por unha vez si ten claro o que quere facer, que Caja Madrid engula a Caixa Galicia e as caixas valencianas. O resultado sería unha gran caixa, para a que xa se apunta o nome de Caixa Popular (por aquilo do PP, non polo ben dos contribuíntes, claro) que leve o peso financeiro dos tres grandes feudos electorais da dereita, Madrid, Valencia e Galicia.
Camps, entre unha visita ao xastre e outra, xa dixo que a el os plans de Genóva non lle gustan; pero Feixóo... Supoño que o seu asombroso silencio nun tema tan capital para Galicia só pode obedecer a dúas cuestións, o choque de intereses entre A Coruña e Vigo, que tamén neste caso explicarían en boa medida as decisións políticas, e o choque de intereses entre Monte Pío e Génova, entre exercer como presidente de Galicia ou como escudeiro de Raxoi aspirante a un papel protagonista na política española.
Gobernar é decidir a cada minuto e só o presidente pode facer o papel de presidente. A súa alarmante falta de opinión e polo tanto –tamén de acción– fai, seguindo o método Raxoi, que o azar ou múltiplos intereses privados substitúan a estratexia política e os intereses cidadáns á hora de resolver este asunto dun ou doutro xeito. Isto é o realmente grave do silencio do presidente.
A existencia dunha ou de dúas caixas non pode ser un fin, senón que unha opción ou outra deben ser un medio para conseguir un obxectivo irrenunciábel, a galeguidade do noso sistema financeiro, mantendo a toma de decisións sobre el no noso país. Espero que Feixóo teña isto claro, pero non o sei, como non fala...
Os aparatos internos das caixas xa se están a mover, aínda que non se faga público, xa están a tomar decisións e a trazar un camiño que dentro de moi pouco non terá volta atrás. Ante a falta de política afloran os intereses alleos aos galegos e galegas. A Feixóo por agora espéraselle, pero non por moito tempo...
Descargar Tarifas