César Lorenzo Gil . O Celta xogou unha moi mala segunda parte, período no que acabou por encaixar dous goles. Os de Eusebio acumulan oito xornadas en postos de descenso á 2ª B.
Armado de moral tras o bo xogo amosado en Sevilla diante do Betis, o Celta saíu a Balaídos xusto cando unha bategada fixo tremer o cimento das bancadas. Sen grandes novidades, Eusebio volvía confiar en Arthuro como dianteiro centro e repartía as bandas entre os galegos Dani Abalo e Iago Aspas. Os primeiros compases foron ilusionantes. Un Michu moi activo converteuse por momentos no cuarto dianteiro do equipo e puxo en apretos unha defensa, a do Vilarreal B, que parecía feita de manteiga. Desde a banda dereita, Dani Abalo lanzaba fabulosos pases que nin Arthuro nin Iago Aspas alcanzaban a converter en gol. Arthuro foi o home máis activo neste tempo pero unha e outra vez lanzou fóra os moitos balóns dos que dispuxo. O equipo castellonense estaba fóra do partido. Non presionaba e só conseguía atacar grazas á velocidade dos seus contragolpes pero unhas veces un incríbel Hugo Mallo, outras a propia pouca habelencia dos dianteiros amarelos frustraba calquera oportunidade de gol. Ao descanso, a bancada marchou esticar as pernas cun medio sorriso na boca. O Celta non gañaba pero dominaba con claridade. Pero o lecer sentoulle moi mal ao equipo céltico. No segundo tempo todo empezou a curtocircuitarse. Dani Abalo pasou de ser unha fonte de centros a perder unha e outra vez o balón en lanzamentos que rozaron o ridículo máis dunha vez. Iago Aspas desapareceu do campo e chegou a ser asubiado desde a bancada. O Celta estaba apalambrado pero non parecía correr perigo. Até que Natxo Insa recibe un balón na frontal e con suavidade lanza unha volea letal para un Falcón descolocado que só puido rabuñar coas puntas dos dedos o primeiro gol visitante. Era o minuto 58 pero nese mesmo instante o Celta deu por perdido o partido. Quizais todo cambiase se Joselu marcase na súa mellor oportunidade, cara a cara co porteiro Juan Carlos. Mais o silledense non tivo nin forzas para un remate ao xeito e "regaloulla" ao rival. Na seguinte xogada, no minuto 74, Hernán Pérez cabalga só pola banda dereita e bate comodamente a Falcón. Moitos afeccionados comezaron a marchar do campo. Para explicar o segundo gol hai que reparar no segundo troco de Eusebio. Sae do campo Roberto Lago e entra Danilo. No posto do lateral esquerdo, un burato, un carril libre que Pérez había aproveitar posteriormente. Ao contrario que noutros partidos, o Celta nin se molestou en esforzarse por dar unha boa imaxe nos minutos finais. Completamente paralizado mental e fisicamente, chapuzou un pouco máis na tristura dun equipo con pouco instinto competitivo. Tamén houbo tempo para a lesión de Danilo. Ao final, coma noutrora, e con razón, o público berrou, en contra dos xogadores e do adestrador.
Joselu Sanmartín.
Celta: Falcón, Hugo Mallo, Catalá, Jordi, Lago (Danilo, 70' (Toni Rodríguez, 87')), Bustos, Michu, Trashorras, Dani Abalo, Iago Aspas, Arthuro (Joselu Sanmartín 54').
Vilarreal B: Juan Carlos, Mario, Kiko, Catalá, Oriol, Gullón, Insa, Hernán Pérez (Flores, 76'), Cristóbal (Edu, 86'), Matilla, Joan Tomás (Bordas, 46').
Goles: 0-1: Insa, 58'. 0-2: Hernán Pérez, 74'.
Árbitro: Mario Melero López (andaluz). Mostroulles cartóns amarelos a Catalá, Hugo Mallo e Michu, polo Celta; e a Catalá e Matilla.
Asistencia: 7.600 espectadores en Balaídos.
SOBEN
Hugo Mallo estase a converter no defensa máis en forma do equipo. Fantástico no corte e cunha veteranía incríbel sen o balón. Michu foi do único salvábel na creación de xogo. Entrou moito na área e foi superior por corpo e vontade aos seus defensores. Bustos volveu á titularidade coa mesma frescura coa que abandonou o equipo. Excelente no corte, aínda que precisa rodarse novamente un pouco para encontrar o seu auténtico punto.
BAIXAN
Iago Aspas xogou moi mal; quizais foi o seu peor partido da tempada. Impreciso, covardón, incapaz de tomar nunca a decisión correcta. Joselu Sanmartín estrelou no corpo de Juan Carlos a mellor ocasión do partido. Despístase co voo dunha mosca e perde enteiros partido tras partido. Arthuro estivo moi activo pero segue sen ver porta. Non é lóxico que fallase tantos remates á porta e menos aínda que o 90% deles fosen fóra.
Descargar Tarifas