PUBLICIDADE
Martes, 09 de febreiro de 2010
Comarcas de Galiza
Provincia de Betanzos ou Terra das Mariñas

M. B. O casco histórico de Betanzos, igrexas románicas e barrocas, pontes, muíños, pazos e castelos así como o encoro de Cecebre ou o río Mandeo conforman parte do patrimonio histórico-artístico da comarca de Betanzos

Reloxo 19.11.2009 | 07:00

. Grupo XEA Esquerda   1 / 4  Dereita  

Percorremos os concellos de Aranga, Betanzos, Cesuras, Coirós, Curtis, Irixoa, Miño, Oza dos Ríos, Paderne, Vilarmaior e Vilasantar.

Os límites actuais da comarca de Betanzos forman parte dunha gran rexión tradicional coñecida como Terra das Mariñas ou Mariñas dos Condes que abarcaba un espazo comprendido entre A Coruña e a desembocadura do Eume. Nas súas terras asentáronse comunidades megalíticas, castrexas e romanas, das que se conservan restos en toda a comarca.

O casco histórico de Betanzos, numerosas igrexas románicas e barrocas, pontes, muíños, pazos e castelos conforman parte do patrimonio histórico-artístico e etnográfico abordado e retratado neste volume, que lle presta especial atención ademais á gran diversidade natural que alberga a comarca, con espazos de montaña, fluviais, costeiros e dúas áreas protexidas como son o LIC Betanzos-Madeo e o Encoro de Cecebre.

Neste encoro, construído en 1976 para o abastecemento de auga potábel á Coruña, inverna unha importante comunidade de aves acuáticas (ao redor de 45 especies diferentes), na que conviven charnecos, parrulos, corvos mariño, pita de auga e garzas, así como unha nutrida colonia de aves terrestres. Declarado lugar de importancia comunitaria, o espazo protexido abarca 522 hectáreas no encoro, áreas da súa ribeira e parte dos cursos dos ríos Mero e Barcés.

Aranga

Trátase dun concello eminentemente rural, sen grandes núcleos de poboación e cunha gran superficie forestal. A actividade principal é a agrogandaría, en especial, o gando bovino de leite. Acolle espazos de gran interese natural e etnográfico na contorna do río Mandeo e do seu afluente Cambás. Existe unha ruta sinalizada que permite percorrer gran parte da Serra da Loba e da Cordal de Montouto.

A cantidade de restos de asentamentos humanos topados de culturas posteriores fan pensar aos estudosos que este concello, ao igual que outros da comarca, xa estivo habitado por grupos paleolíticos. Existe constancia da presenza de comunidades megalíticas, das que se conservan as súas construcións mortuorias. En Aranga tópanse as mámoas das Carreiras e o da Pena da Moura, que se unen ás de Oza dos Río (ao redor de nove), e que describen conxuntamente unha liña de comunicación entre o monte e o mar, que permitían acceder aos recursos destes dous hábitats.

Betanzos

Foi unha das sete capitais de provincia do Reino de Galiza até o primeiro terzo do século XIX e agora dálle nome a unha comarca que conserva marcas do esplendor que tivo ao longo da historia, xa sexa en forma de igrexas, murallas, pontes ou pazos. Tivo un gran desenvolvemento comercial e portuario desde a Idade Media até o século XIX.

En Betanzos, como no resto do país, a cultura prehistórica máis coñecida é a castrexa, da que chegaron á actualidade numerosos restos, entre eles o castro de Untía ou o de Obre. A diferenza dos megalíticos, dos que os estudosos só coñecen os ritos funerarios e os soterramentos, da cultura castrexa tan só hai constancia de como viviron.

O burgo medieval, que dá orixe a actual cidade, xorde no século XIII, cando o rei Afonso IX outorgou o permiso para o traslado dun pequeno núcleo de poboación ao castro de Untía, nun territorio que pertencía ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes ao que o rei recompensa pola cesión coa cuarta parte das rendas que se obtiveran na nova vila. Na actualidade alberga un dos centros históricos máis destacados do país, declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1970, no que se inclúen as igrexas de Santa María de Azougue, a de San Francisco, do século XIV que acolle o sarcófago do cabaleiro Fernán Pérez de Andrade, sostido por un oso e un xabarín, que simbolizan as armas nobiliarias dos Andrade, e a de Santiago.

Destaca ademais a praza dos Irmáns García Naveira, dous comerciantes que fixeron fortuna en Arxentina e que construíron o coñecido como Xardín do Pasatempo, un xardín enciclopédico no que quixeron plasmar os coñecementos e vivencias adquiridas nas súas viaxes polo mundo. Organízase en varios paseos custodiados por estatuas, un gran estanque, grutas, pasadizos, numerosas fontes, un parque zoolóxico e reproducións de monumentos emblemáticos como a Muralla Chinesa ou o Canal de Panamá.

Cesuras

O territorio forma parte da ampla superficie de erosión terciaria que se estende entre Betanzos e Arzúa, de formas suaves, con alturas máximas no sur nos montes da Tieira. O parque municipal dá conta da importancia que tivo a emigración na comarca. Alberga un sanatorio, en ruínas, construído en 1927 con cartos cubanos, que só funcionou como centro para o tratamento de tuberculosos durante uns meses, así como unha ampla extensión de monte.

Ao paso polo concello, o río Mendo describe tramos con numerosos rápidos e fervenzas en xistos e lousas. A máis grande, situada na parroquia de Filgueira de Barranca e coñecida co nome de Fervenza da Rexedoira, mide ao redor de 8 metros de altura.

Coirós

No Monte da Espenuca atópase un dos mellores miradoiros naturais as Mariñas e sobre o curso do Mandeo que discorre encaixado ao seus pés. No cumio está situada unha pequena ermida dedicada a Santa Aia, nunha zona arqueolóxica moi rica. O campanario foi construído na parte máis alta do monte, probabelmente para mellorar a acústica. Na zona tamén se toparon restos dunhas murallas, que algúns estudos apuntan a que pertenceron a un castelo.

Dentro dos espazos naturais máis interesantes do concello, os autores do libro destacan o lugar de Chelo, no que se instalou unha aula da natureza dedicada á interpretación da auga e do río.

Curtis

A historia de Curtis está estreitamente vencellada a dos concellos de Sobrado e Vilasantar, que deron forma ao condado de Présaras, un dos máis destacados da época sueva, até que no século X, os condes Hermenexildo e Paterna fundaron o mosteiro de Sobrado. A vila foi medrando ao abeiro do tráfico que rexistraba a súa estación de ferrocarril como punto de embarque de mulas casa Castela e de produtos locais como o queixo e o leite cara os mercados urbanos.

Irixoa

Situado ao nordeste da comarca e co río Mandeo lindando polo sur, o concello de Irixoa ten nos vales dos ríos e nas montañas os espazos naturais máis importantes. Algúns historiadores sitúan a mítica cidade celta de Lambriga, tamén denominada Lambriaca, na parroquia de Ambroa. Segundo a tese sostida por estes estudosos, esta cidade foi arrasada no ano 130 a. C. por oporse o pretor romano e posteriormente reconstruída co nome de Flavia Lambris, en honra a Tito Flavio Vespasiano.

Miño

Ocupa a marxe dereita da ría de Betanzos, nun territorio que forma parte das Mariñas, de relevo moi variado pero de pouca altura. Na parroquia de Bemantes tópase o muíño de vento de Boucelo, que data do ano 1840, único exemplar destas características da comarca. Vén de ser rehabilitado e dende el pode contemplarse o val de Leiro e a ría.

Están habilitadas varias rutas que permiten achegarse ao enclaves naturais e patrimoniais máis destacados da zona como son a igrexa románica de San Xoán de Vilanova (século XII), a ponte medieval sobre o río Baxoi, as praias, marismas e dunas ou os numerosos cruceiros, pazos e igrexas.

Oza dos Ríos

Entre os lugares máis destacados deste concello figura a igrexa de San Nicolao de Cis, pertencente ao desaparecido mosteiro de San Salvador de Cis, declarada Ben de Interese Cultural en 1981. O papel protagonista que desempeñou durante anos decaeu no século XV, ao converterse en priorado dependente do Mosteiro de San Martín Pinario de Santiago. A desamortización do século XIX supuxo a perda das súas propiedades e a desaparición das instalacións monacais.

Paderne

Un dos lugares emblemáticos de Paderne ten orixe nobiliaria. Trátase da ponte medieval coñecida co nome de Ponte do Porco. Fernán Pérez de Andrade mandouna construír no século XIV sobre o río Lambre para facilitar as comunicacións entre Betanzos e Pontedeume. Ao redor desta construción, que alude no nome ao xabarín que simboliza a casa dos Andrade, teceuse toda unha lenda de amoríos e mortes protagonizada por Nuno Freire de Andrade.
A ponte é paso obrigado tamén para os peregrinos que se achegan a Compostela polo Camiño Inglés, que conta con referencias históricas desde o século XII e no que se construíu, aos seu paso pola parroquia de Souto, o antigo Hospital de Guende, fundado ao redor do 1445. Frei Martín Sarmiento na súa viaxe de 1745 deixou testemuño do seu paso polo hospital, do que xa só quedaban restos.

Vilarmaior

No que se refire ao patrimonio cultural e natural, os autores de Betanzos destacan dentro deste concello a igrexa románica de Doroña, construída en 1162 e a de San Pedro de Vilarmaior así como a área recreativa Muíño da Ferreña, no Anduriña.

Vilasantar

. Grupo XEA

Os restos máis antigos deste concello constitúenos as mámoas de Pedriño e a de Fanegas, todas elas na parroquia de Santa María de Vilariño. Toda a zona debeu de estar moi poboada no pasado como parecen testemuñar o elevado número de monumentos megalíticos, mámoas e castros topados.
O campamento romano da Cidadela, un dos máis extenso descubertos en Galiza, compárteno o concello de Vilasantar e Sobrado. Tamén deixou pouso na zona a influencia do mosteiro de Santa María de Mezonzo, que xa existía no século VIII. A mediados do século X ingresou como monxe San Pedro de Mezonzo, posteriormente abade do convento e bispo compostelán.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río